Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Ortigueira presenta unha ampla programación en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller


• Os actos comezan o 23 de novembro e estenderanse ata o 2 de decembro

• Desde o 21 ao 28 de novembro estará aberta ao publico a exposición “Implícache son as túas veciñas” no Centro Social de Ortigueira

O Concello de Ortigueira, a través da delegación de Igualdade, prepara unha extensa programación para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, que se celebra cada 25 de novembro.

O mércores, 23 de novembro, impartirase o taller “Novas masculinidades”, dirixido ao alumnado de 4º diso do Instituto de Ortigueira.

O día 24 establecerase o Punto Violeta da Xunta de Galicia na Alameda, unha caseta de información e repartición de material da campaña realizada pola Secretaría Xeral de Igualdade.
Ese mesmo día, ás 16 horas no pavillón do IES Ortigueira, levará a cabo un Seminario de Defensa Persoal Feminina, dirixido a mulleres de entre 14 e 70 anos, promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade.

O propio 25-N, ás 12 horas, procederase á lectura do Manifesto Institucional contra a violencia de xénero no Concello de Ortigueira. Durante o acto realizarase unha distribución do material da propia campaña municipal “Implícache son as túas veciñas”.
A partir das 16 horas impartirase unha nova sesión do Seminario de Defensa Persoal Feminina no pavillón do IES de Ortigueira.

Ás 17:30 horas, na Biblioteca municipal Fernández Latorre, terá lugar o espectáculo “Contos nunha roda: Manuela e Manuel” do grupo de teatro Tarabelos, que vai dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos.
Por último, o venres 2 de decembro, realizarase a reunión anual do Protocolo municipal de coordinación institucional contra a violencia de xénero no Concello.

Exposición “Implícache son as túas veciñas”
Desde o luns 21 de novembro, ata o día 28, estará aberta ao público a exposición de carteis da campaña municipal contra a violencia de xénero “Implícache son as túas veciñas”, no Centro Social de Ortigueira.